Carlos Jiménez

"A taberna dos sabios" (Feitos)

Carlos Jiménez é actor de dobraxe, locutor radiofónico, guionista, humorista e imitador. Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela.

Como locutor radiofónico comezou no espazo Corre Carmela que chove en Radio Voz Galicia (1993-1995), líder de audiencia na súa faixa horaria e Premio Galicia de Comunicación ao mellor programa radiofónico de 1994. Tamén recibiu o Premio Curuxa do Humor que concede o Concello de Fene nese mesmo ano.

Entre 1996 e 1998 traballou no programa Penalty y Expulsión en Radio Voz A Coruña, e desde 1999 até a actualidade en distintos programas da Radio Galega como Nunca Tal Oíra, O Miradoiro e Un día por diante (neste último tiña a sección Risoterapia co tamén humorista Paco Lodeiro). Desde outubro de 2009 forma parte do equipo do espazo deportivo Galicia en Goles.

Ademais, Carlos Jiménez ten unha longa traxectoria como actor de dobraxe en publicidade, series de televisión e longametraxes. Un dos seus traballos máis coñecidos é como voz de Paulo Mármore na versión galega de Os Picapedra (The Flinstones), emitida pola TVG.

Foi locutor dos programas Hai que mollarse e Botarse ó monte na televisión pública galega, e púxolle a voz ao personaxe Burro, na dobraxe galega do filme Shrek (na versión orixinal tiña a voz de Eddie Murphy).

En televisión, colaborou en diversos programas da TVG como Palabras maiores (1994), Selección Galega (1995), Salsa verde (1996), Tardes con Ana (1999-2001), Tardes de verán (2000), O show dos Tonechos e colaboracións esporádicas en Supermartes e Luar. Desde novembro de 2009 é guionista e actor no programa de humor Land Rober, con Roberto Vilar.

Na súa faceta de humorista comezou en espectáculos en directo como membro do equipo de Corre Carmela que Chove. Actualmente é membro do espectáculo humorístico Risoterapia, xunto con Paco Lodeiro, que realiza periodicamente actuacións por toda Galiza. A súa especialidade é a imitación, e asegura contar no seu repertorio con máis de 120 personaxes famosos.

Volver á programación